Queres explotar o quiosco de tempada na praia fluvial de Cerdedo? Xa podes optar ao concurso por 150 euros ao mes

Cerdedo Cotobade
08 de abril 2025

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de sacar a licitación, por procedemento aberto, a explotación do quiosco entre o 15 de xuño e o 30 de setembro. O prazo para presentar ofertas remata o 14 de abril

Praia fluvial de Cerdedo
Praia fluvial de Cerdedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de sacar a licitación, por procedemento aberto, a explotación dun quiosco de tempada ubicado na praia fluvial de Cerdedo.

O negocio abre entre o 15 de xuño e o 30 de setembro de 2025 cun canon mínimo de 150 euros, que deberá ingresarse no momento da sinatura do contrato.

 O prazo para presentar ofertas remata o 14 de abril. Deberá presentarse unicamente en forma electrónica, a través dos servizos telemáticos da Plataforma de Contratación do Sector Público por medio da "Ferramenta de Preparación e Presentación de Ofertas" da Plataforma de Contratación do Sector Público.

A adxudicación será por un ano con posibilidade de dúas prórrogas anuais para as tempadas seguintes (2026 e 2027).

Os criterios de adxudicación estarán ligados á oferta económica (incremento do canon que se determina en 150 euros); memoria da prestación do servizo e idoneidade do equipo encargado da xestión do local.

Os interesados en participar neste proceso deberán concurrir coa presentación de dous sobres. No sobre "A" irá a documentación administrativa e proposición de criterios dependentes dun xuízo de valor relativos á explotación dun quiosco de tempada sito na praia fluvial de Cerdedo e no "B" deberá incluirse a proposición de criterios avaliables de forma automática relativos á explotación dun quiosco de tempada ubicado na praia fluvial de Cerdedo.
 
Tamén deberá acreditarse a solvencia técnica e profesional mediante a presentación dunha relación dos principais servizos ou traballos realizados nos últimos cinco anos que inclúa importe, datas e o destinatario, público ou privado, dos mesmos e deberá acreditarse, de forma inescusable, a experiencia na xestión de locais de obxecto similar e ter subscrito un seguro de responsabilidade civil que cubra os riscos que poidan derivarse das súas actuacións por un importe mínimo de 300.000 euros.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora