Concurso online para adornar vivendas e negocios este Nadal

Poio
03 de decembro 2021

Os ornamentos deberán ser compartidos nas redes sociais Facebook e Instagram. Aqueles autores de adornos en vivendas e negocios con máis 'likes' recibirán cen euros para gastar nos negocios locais. O alcalde Luciano Sobral tamén gravou un vídeo institucional para felicitar as festas con especial protagonismo para as asociacións locais

Adornos de Nadal
Adornos de Nadal / Chris Clogg

Coa idea de fomentar o espírito do Nadal e dinamizar a actividade comercial e social, a concellería de Cultura puxo en marcha un concurso en liña denominado 'Decora o teu curruncho'

A concelleira Raquel Rodríguez explica que se trata dun certame activo entre o 9 e o 15 de decembro, consistente en publicar fotos nas redes sociais de fachadas de negocios e vivendas adornadas con motivos propios destas festas. Despois, as persoas que queiran participar deberán publicalas en Instagram ou en Facebook engadindo o cancelo #DecoraOTeuRecuncho. As imaxes que logren un maior número de 'likes' recibirán un vale de cen euros, para cada categoría (vivenda e negocio), que poderán gastar en negocios locais tanto de hostalería como comercios ou servizos.

Desde o Concello animan a utilizar elementos naturais e de reciclaxe para realizar os deseños para concienciar medioambientalmente á cidadanía, tal e como se promove desde o programa Poio En Verde. As bases do concurso figuran na páxina web do Concello e nas redes sociais.

VÍDEO INSTITUCIONAL DE FELICITACIÓN DO ALCALDE

Luciano Sobral, alcalde de Poio, tamén gravaba nestes últimos días o vídeo institucional de felicitación destas festas coa participación de integrantes da corporación e de persoal municipal. Ademais, representantes do asociacións e do tecido social do municipio contan cun notable protagonismo nesta peza audiovisual. 

O rexedor destaca o comportamento exemplar da cidadanía noutro ano marcado pola pandemia e desexa que o 2022 sexa mellor para seguir avanzando cara á nova normalidade. 

'O BOSQUE NA MALETA'

Por outra banda, alumnado do CEIP Espedragada participaba no obradoiro 'O Bosque na maleta', unha actividade organizada polo departamento de Educación, Medio Ambiente e Normalización Lingüística. 

Esta actividade propón concienciar aos escolares sobre a importancia das árbores do municipio para o seu propio futuro. Está previsto que, en próximas datas, esta iniciativa realícese noutros centros educativos do  concello.