A segunda edición do certame gastronómico TapeaPoio terá lugar en maio con máis días, máis establecementos participantes, maiores premios para clientes e hostaleiros, e un xurado experto, que se unirá ao votado polo público.
Son algunhas das principais novidades que adiantou este luns a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, durante unha reunión con empresarios da hostalaría do municipio que serviu para analizar a situación do sector, escoitar as demandas e necesidades dos profesionais, e estudar as propostas e liñas de actuación do goberno local para este ano.
Durante o encontro, que tivo lugar no Casal de Ferreirós, Cochón destacou a "extraordinaria acollida" que tivo o certame de tapas en 2024 e indicou que este ano vanse implementar "as suxestións e ideas aportadas polos propios hostaleiros".
A maiores, os establecementos poderán concorrer en dúas modalidades, tapa tradicional ou creativa, e o público terá novas posibilidades de depositar o seu voto.
Cochón incidiu ademais na importancia de poñer en valor a restauración poiense, xa que "desde hai moitísimo tempo somos o gran referente gastronómico das Rías Baixas, por non dicir de Galicia."
Por iso, anunciou que o acto de entrega de premios, previsto para principios de xuño, "será unha auténtica Gala da Gastronomía de Poio".
Durante os próximos días, persoal da Concellería de Turismo contactará cos establecementos para concretar a participación e recoller suxestións e dúbidas. Calquera interesado tamén pode escribir a [email protected] ou chamar ao teléfono do departamento: 986 83 32 04

OUTRAS INICIATIVAS
O encontro serviu tamén para abordar a situación do sector en Poio e facer un balance das actuacións do goberno local nos últimos meses.
Así, varios dos asistentes celebraron a creación de prazas de estacionamento para veciños e visitantes, un servizo "fundamental para a hostalaría e o turismo". Destacaron o aparcadoiro inaugurado recentemente na rúa Maceira, en Combarro, e outros situados en San Salvador, San Xoán ou Samieira.
Cochón recordou que nos últimos meses habilitáronse 6.000 metros cadrados de estacionamento e que o goberno local segue a traballar para ampliar o número de prazas en todo o municipio, así como para estender os servizos básicos a todo o territorio e garantir a mobilidade sostible.
A edil recordou tamén que ao longo deste ano Poio volverá ser o escenario de probas deportivas e acontecementos importantes, nomeadamente a saída da Etapa 16ª de La Vuelta a España, en setembro, e outros como o encontro do Irish Cruising Club, probas de distintos deportes, ou congresos, encontros e convencións.
Por iso, trasladou a disposición do Concello para coordinar a hostalaría e as actividades turísticas de cara a eventos e probas deportivas, especialmente os que se desenvolvan fóra de tempada. Así, explicou un proxecto piloto que xa se está a levar a cabo cos aloxamentos, proporcionando unha previsión das datas nas que se agarda un volume elevado de visitantes para facilitar a toma de decisións: "Queremos estendelo tamén á restauración, de modo que os profesionais poidan saber cando hai probas deportivas ou acontecementos con moitas persoas cerca do seu negocio, e así poder planificar para estar aberto e ofrecer os seus servizos, especialmente fóra de tempada".
Nese sentido, tamén avanzou iniciativas para que os hóspedes dos aloxamentos e vivendas turísticas do municipio poidan coñecer os establecementos de hostalaría abertos na súa zona, permitindo que as persoas aloxadas en Poio poidan desfrutar da gastronomía e os servizos do municipio en todo momento, e anunciou que o Punto de Información ao Peregrino que se instalará nas variantes xacobeas dará información cumprida da oferta hostaleira dispoñible para as persoas que fan o Camiño de Santiago.