Condenadas unha caseira e a súa filla por coaccionar á súa inquilina facendo vudú

O Salnés
04 de xuño 2024

A sección segunda da Audiencia de Pontevedra desestimou o recurso interposto por unha caseira e a súa filla contra a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instrución número 3 de Cambados que lles condenada por un delito leve de coaccións

Unha persoa observando a fachada da Audiencia de Pontevedra a través dunha fiestra
Unha persoa observando a fachada da Audiencia de Pontevedra a través dunha fiestra / PontevedraViva

A sección segunda da Audiencia de Pontevedra desestimou o recurso interposto por unha caseira e a súa filla contra a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instrución número 3 de Cambados que lles condena por un delito leve de coaccións.

A Audiencia de Pontevedra confirma esta sentenza condenatoria nunha resolución que xa é firme e, por tanto, contra a mesma non cabe recurso algún.

A denunciante era a inquilina dun apartamento desde o mes de outubro de 2021. En marzo de 2023 recibiu unha carta certificada da Axencia Tributaria na que lle requiren que o abono do alugueiro o pague a esta axencia debido a unha débeda da súa caseira.

A partir de entón a inquilina empezou a recibir constantes visitas da arrendadora no seu apartamento, cartas, conversacións de WhatsApp e chamadas telefónicas "nas cales a requirían de forma insistente para que abandone o apartamento, para que pague unha fianza máis por posibles danos do piso, advertíana dunha subida do IPC", e mesmo lle deixaron "unha boneca de trapo preto da porta a modo de vudú" para asustala.

A defensa da propietaria enmarcou todos estes feitos nunha "controversia civil" e apelou fronte á Audiencia asegurando que "non se cumpren os elementos do delito de mobbing inmobiliario" xa que, segundo sosteñen, non había mensaxes con "carácter ameazante ou inxurioso, e menos coactivo" nin tampouco houbo "o máis mínimo indicio do emprego de violencia". 

Con todo, tanto o xulgado de Instrución como a Audiencia de Pontevedra coincidiron en que "presión moral insistente" sufrida por esa inquilina foi acoso inmobiliario, polo que impuxo á caseira e á súa filla unha pena de multa de 810 e 180 euros respectivamente como autoras dun delito leve de coaccións.