Catorce anos de cárcere é a condena imposta a un home pola sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.
O tribunal atopou a este individuo culpable de agredir sexualmente, de forma continuada, a filla menor de 16 anos da súa parella, coa que conviviu entre o verán de 2020 e decembro de 2021.
Ademais, impúxolle a prohibición de aproximarse á vítima e de comunicarse con ela durante vinte anos, así como a inhabilitación para calquera profesión, oficio ou actividade que leve un contacto regular e directo con persoas menores de idade por un período de 19 anos.
Tamén lle inhabilita para o exercicio dos dereitos da patria potestade, tutela, curatela, garda e acollemento durante 5 anos.
En materia de responsabilidade civil, o acusado deberá indemnizar a menor con 45.000 euros polos prexuízos morais causados e con 10.000 euros polos danos psicolóxicos e secuelas que sofre.
A Sala considera probado que o procesado levou a cabo as agresións sexuais "valéndose da situación de convivencia case familiar" por ser a parella de feito da nai da menor e "aproveitándose de que esta quedaba ao seu cargo cando estaban sós no domicilio".
Na sentenza, os maxistrados indican que non aprecian no relato ofrecido pola menor causa algunha de incredibilidade subxectiva, pois "ningún móbil espurio aparece que poida afectar á súa declaración".
Igualmente, destacan que aprecian unha "absoluta coherencia interna" no relato e suficientes detalles espazo temporais e sobre o modo no que sucederon os feitos que "levan á convicción de que se trata dunha verdadeira experiencia vivida".
Ademais, engaden que existen "elementos de corroboración periférica" que reforzan a coherencia externa do relato, como a evolución do comportamento e relación co acusado tras suceder os feitos.
Os xuíces tamén sinalan que concorre a persistencia na incriminación ao longo de todo o proceso, pois sosteñen que non se detectan contradicións esenciais na forma de expor os feitos.
A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.