Condenado a 200 euros por ameazar un edil do PSOE da Lama con facerlle unha gravata colombiana

Pontevedra
13 de xuño 2013

Enrique Vaqueiro esixe a Jorge Canda Martínez e Rafael Louzán "a expulsión do partido do condenado" e considera que o irmán do acusado e tenente de alcalde polo PP na Lama "se ten un pouco de dignidade, debería devolver a paga extra cobrada e dimitir do seu cargo inmediatamente"

O Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra condena a conduta do veciño da Lama Germán Piñeiro Teodosio ao intimidar o concelleiro do PSdeG-PSOE neste municipio, Enrique Vaqueiro, a través do Facebook da súa noiva con facerlle unha gravata colombiana, isto é, unha brutal forma de tortura que consiste en cortar a garganta a alguén, sacarlle a lingua por aí e deixala colgando.

Unha sentenza ditada esta semana considera a Germán Piñeiro autor dunha falta de ameazas por este comportamento e imponlle o pagamento dunha multa de 200 euros (20 días a razón de 10 euros diarios).

Durante o xuízo celebrado nos xulgados da Parda, o propio Germán Piñeiro recoñeceu que publicou no muro da rapaza en Facebook a seguinte frase textual "CON QUE MIRE OUTRA MERDA NO FACEBOOK FALANDO DE MEU IRMAN O QUE FALE BOULLE FACER UNHA CORBATA COLONBIANA ASIQUE VEDE E CALADE GILIPOLLAS".

Notificada a sentenza, Enrique Vaqueiro manifesta a súa "total satisfacción" co "funcionamento da xustiza" e esixe ao alcalde e presidente do PP da Lama, Jorge Canda Martínez e ao presidente do PP de Pontevedra, Rafael Louzán, "a expulsión do partido do condenado".

Vaqueiro recorda aos líderes do PP que esta mesma semana esixiu a renuncia do concelleiro do BNG de Cambados Xaquín Charlín por un insulto machista ao Vicepresidente do Goberno, Soraya Sáez de Santamía, e que a ameaza do agora condenado é "cando menos, igualmente reprobable".

O edil socialista e a súa noiva, Tamara Pacheco, acudiron á Garda Civil e, máis tarde, ao xulgado, a raíz da situación que viviron nos días posteriores á publicación en PontevedraViva, o martes 19 de febreiro, dunhas declaracións nas que denun-ciaba que o tenente de alcalde da Lama e irmán do agora acusado, Juan Carlos Piñeiro Teodosio, cobrou "ás agachadas" a paga extra de nadal á que públicamen-te había renunciado.

Unha vez que o xulgado resolveu o caso, Enrique Vaqueiro considera que o tenente de alcalde da Lama "se ten un pouco de dignidade, debería devolver a paga extra cobrada e dimitir do seu cargo inmediatamente". Ademais, sinala que "confío plenamente en que, por fin, con este antecedente, exista unha normalidade democrática no Concello da Lama".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora