O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra condenou a un quiromasaxista de Caldas de Reis por un delito de abusos sexuais, á pena dun ano e seis meses de prisión, coa accesoria de inhabilitación especial para o exercicio da profesión de fisioterapeuta, masaxista, quiromasaxista ou calquera outro que implique a administración de tratamento semellante sobre as persoas durante o tempo da condena.
Ademais, a sentenza inclúe a inhabilitación especial para calquera profesión ou oficio, sexa ou non retribuído, que conleve contacto regular e directo con persoas menores de idade por tempo de cinco anos. Tamén lle impoñen o pago das costas do xuízo, incluídas as da acusación particular.
En concepto de responsabilidade civil, o acusado indemnizará á vítima na suma de 3.000 euros.
Non se considera precisa a imposición da medida de liberdade vixiada ao tratarse dun único delito contra a liberdade sexual e carecer o acusado de antecedentes penais.
O xuízo tivo lugar o pasado 27 de febreiro. A Fiscalía pedía a pena de dous anos de prisión coas súas accesorias, mentres que a acusación particular solicitaba para o acusado a imposición da pena de catro anos de prisión coas súas accesorias. A defensa pediu a libre absolución do seu patrocinado.
A sentenza declara como feitos probados que a denunciante, o día 14 de xuño de 2022, atopábase facendo o Camiño de Santiago, cando acudiu á clínica de quiromasaxe rexentada polo acusado, con quen concertara unha cita para recibir unha masaxe nas costas e nas pernas.
O acusado recibiuna e díxolle que se quitase a roupa e tombásese de costas, ao que a peregrina accedeu, quedándose en bragas. Despois de darlle a masaxe nas costas e nas pernas, o acusado pediu á muller que se puxese boca arriba, cousa que esta fixo, momento en que o acusado, "actuando coa intención de satisfacer os seus desexos sexuais e sen o seu consentimento, comezou a masaxearlle os ombreiros, meteulle un dedo na boca e lle “sobó” os beizos, baixou as mans tocándolle os peitos varias veces e chegou a meterlle as mans por baixo das bragas preguntándolle se quería quitarllas, ao que Bernarda contestou que non, momento en que o acusado lle dixo que a masaxe concluíra e abandonou a sala", recolle a sentenza.
A proba central deste xuízo foi a declaración da vítima. A sentenza recoñece este testemuño como proba de convicción "obtívose a impresión subxectiva de que a testemuña estaban a dicir a verdade, a súa declaración foi clara, sen que se apreciase nela o menor intento de cálculo ou preconcepto sobre que podería ser máis favorable ou prexudicial ás teses que sostiña".
O fallo tamén aprecia "ausencia de incredibilidade subxectiva", xa que polo modo en que a muller relatou os feitos percíbese que "non actuou con ánimo de prexudicar ao acusado, ao que non coñecía de nada nin volveu ver con posterioridade". A declaración prestada pola muller durante a vista oral aparece "coherente, crible, exenta de contradicións", engade.
Esta sentenza non é firme e contra a mesma cabe interpoñer recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Pontevedra.