Condenan a 16 e 14 meses sen carné a dous condutores que ían borrachos e estragaron mobiliario urbano

Pontevedra
10 de novembro 2014

En ambos os dous casos, eles mesmos recoñeceron no xuízo que conducían baixo os efectos de bebidas alcohólicas. Protagonizaron senllos accidentes de tráfico nas rúas Leonardo Enríquez e Cobián Roffignac que, se ben non provocaron danos persoais, si ocasionaron danos ao mobiliario urbano

Control de alcoholemia da Policía Local de Pontevedra
Control de alcoholemia da Policía Local de Pontevedra

Dúas sentenzas por casos moi similares foron analizadas este luns polo goberno municipal. E en ambos os dous casos, trátase de condutores que, segundo eles mesmos recoñeceron no xuízo, conducían baixo os efectos de bebidas alcohólicas. Protagonizaron senllos accidentes de tráfico nas rúas Leonardo Enríquez e Cobián Roffignac que, se ben non provocaron danos persoais, si ocasionaron danos ao mobiliario urbano.

No primeiro dos casos, o accidente produciuse o pasado 17 de outubro. O condutor dunha furgoneta, ás 00.45 horas, derrubou dous dos morróns metálicos situados na rúa Leonardo Enríquez, un dos viais que rodea o Estadio de Pasarón. A Policía Local comprobou que circulaba baixo os efectos do alcohol e incoáronse as correspondentes dilixencias penais.

A sentenza do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra condena este home como autor dun delito contra a seguridade vial a unha multa de catro meses, a razón de cinco euros diarios, e á privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores durante 14 meses. Ademais, en concepto de responsabilidade civil deberá aboar, el ou a súa aseguradora, a contía de 408,80 euros polos danos causados no mobiliario urbano.

 Protagonizaron senllos accidentes de tráfico nas rúas Leonardo Enríquez e Cobián Roffignac

O segundo dos accidentes de tráfico tivo lugar o pasado 1 de novembro, ás 08.40 horas. Neste caso, o condutor, que tamén manexaba o seu vehículo baixo a influencia do alcohol, circulaba pola rúa Rouco cando golpeou un vehículo estacionado e, posteriormente, ao xirar cara a Cobián Roffignac, danou un dos pivotes de aceiro inoxidable que están instalados na zona. Os danos, neste caso, valoráronse en 70 euros.

Tras o xuízo, celebrado no Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, este home foi condenado tamén como autor dun delito contra a seguridade vial a unha multa de seis meses, a razón de nove euros diarios, e á privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores durante 16 meses. Tamén terá que facerse cargo do custo de substitución do mobiliario urbano danado.