Condenan a cinco anos de prisión ao kamikaze do Touareg

Pontevedra
22 de xullo 2015

O Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra, condenou a cinco anos de prisión a Felipe S.D. e a Xesús O.A. polos delitos de furto de uso de vehículo a motor, dous roubos con violencia un en grao de tentativa, dous roubos con intimidación e outro de danos, así como unha falta de lesións

Momento da entrada de Felipe S.D. e Jesús O.A. nos Xulgados da Parda
Momento da entrada de Felipe S.D. e Jesús O.A. nos Xulgados da Parda / Mónica Patxot

O Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra, condenou a cinco anos de prisión a Felipe S.D. e a Xesús O.A. polos delitos de furto de uso de vehículo a motor, dous roubos con violencia un en grao de tentativa, dous roubos con intimidación e outro de danos, así como unha falta de lesións.

Ambos os dous son toxicómanos e teñen numerosos antecedentes penais.

En concreto a sentenza condena a Felipe S.D., a seis meses de prisión polo delito de furto, a un ano e oito meses polo delito de roubo con violencia, a un ano e cinco meses polo delito de roubo con violencia en grao de tentativa; un ano e seis meses de prisión polo delito de roubo con intimidación, dez meses polo delito de coaccións, doce meses de multa cunha cota diaria de 2 euros e responsabilidade persoal subsidiaria dun día de privación de liberdade por cada dous cotas que deixar de aboar polo delito de danos e finalmente a pena de dous meses de multa, cunha cota diaria de 2 euros e responsabilidade persoal subsidiaria en caso de non pagamento desta, pola falta de lesións.

Respecto a Xesús O.A. é condenado á pena de seis meses de prisión polo delito de furto, un ano e oito meses de prisión polo delito de roubo con violencia, un ano e cinco meses de prisión polo roubo con violencia en grao de tentativa, un ano e seis meses de prisión polo delito de roubo con intimidación e finalmente a pena de dous meses de multa, cunha cota diaria de 2 euros e responsabilidade persoal subsidiaria en caso de non pagamento da mesma pola falta de lesións.

En concepto de responsabilidade Felipe S.D. e Xesús O.A. indemnizarán solidariamente a en 13.308,33 euros ao consorcio de compensación de seguros, ademais das indemnizacións que reclaman outras aseguradoras.

Durante o xuízo oral as representacións dos acusados formularon os seus escritos de conclusións provisionais polos que solicitaban a libre absolución.

Pero finalmente os acusados, xunto coa súa defensa letrada, mostraron conformidade co escrito de acusación do Ministerio Fiscal e solicitaron que se ditase sentenza de conformidade con este.

FEITOS PROBADOS

Polo tanto, os acusados recoñeceron que o día 9 de outubro de 2013, roubaron o furgón da Funeraria Rías Baixas propiedade da empresa Albia, Xestión de Servizos S.L., que se encontraba estacionado xunto ao Templo Novo de Marín realizando un servizo funerario.

Este vehículo funerario teríano utilizado para cometer roubos en Lalín e Cuntis. Finalmente conseguiron un Volkswagen Touareg a punta de pistola na Avenida de Samil, en Vigo.

Neste vehículo regresaron a Pontevedra, quedando Felipe coa chave. Dous días despois roubaron a outro home en Vilaboa.

A Policía Nacional localizou o coche roubado estacionado fronte á súa casa en Pontevedra un día despois. A policía estableceu un dispositivo de vixilancia, pero cando Felipe detectou a súa presenza, iniciou unha fuga a toda velocidade a bordo do Touareg que acabou con 18 coches danados por toda a cidade.

Finalmente tres escapar do cerco policial abandonou o Volkswagen Touareg na rúa Arcebispo Malvar fuxindo a pé. Non sería localizado e detido pola policía ata a mañá seguinte, nas inmediacións do Sanatorio da Merced en Poio.