Condutor sen carné reincidente na Illa. Danlle o alto por terceira vez en poucos meses, e dá positivo en drogas

O Salnés
11 de xuño 2022

A Policía Local da Illa deu o alto este venres ao turismo tras observar como protagonizaba unha manobra errante, comprobando que o condutor era o mesmo que xa interceptaran en dúas ocasións conducindo sen carné. Exponse a unha condena de entre tres e seis meses de prisión e a unha importante multa nun xuízo rápido que se celebrará en poucos días

Axentes da Policía Local da Illa de Arousa nun control
Axentes da Policía Local da Illa de Arousa nun control

A Policía Local da Illa de Arousa observa a manobra errante dun vehículo e procede a consultar os seus datos comprobando que non conta co seguro de circulación obrigatorio.

Ata aí pode ser unha das moitas intervencións que realizan os axentes no seu día a día, pero esta vez non deixa de ser rechamante. O motivo é que o condutor do vehículo é un reincidente na infracción de conducir sen carné.

Sucedeu durante a tarde deste venres á altura da rúa Valle-Inclán, causando certa sorpresa na Policía ao dar o alto ao turismo atoparse cun veciño da localidade, de 52 anos, que xa fora sorprendido en situación similar dúas veces en poucos meses e que debe enfrontarse a próxima semana a un xuízo rápido debido a iso.

Os axentes, tras proceder á súa identificación e comprobar que seguía sen contar con permiso de circulación ao non ter sacado nunca o carné, atopáronse ademais unha nova sorpresa nesta ocasión, e é que o home foi sometido a un control de alcol e outro de drogas dando positivo neste último por cocaína, anfetamina e metanfetamina.

Só este feito, de ser confirmado polo laboratorio ao que se enviaron as mostras, supoñerá unha sanción de 1.000 euros e seis puntos no carné de conducir, cando o consiga, ao que se suman os 1.500 euros que se lle van a impoñer pola infracción administrativa de conducir sen seguro e a máis que previsible condena por conducir sen carné. A este respecto este veciño da Illa, acusado dun presunto delito de condución sen carné co agravante de reiteración, enfróntase a unha posible pena de prisión de tres a seis meses ademais dunha importante multa.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora