Unha condutora resulta ferida tras dar varias voltas de campá na autovía do Salnés en Meaño

O Salnés
16 de xuño 2025
Actualizado: 17 de xuño

O BMW da muller, de 49 anos, impactou contra a mediana da autovía AG-41 en dirección a Sanxenxo

Vehículo accidentado este luns 16 na autovía do Salnés Servizos de Emerxencias

Unha muller de 49 anos resultou ferida leve na mañá deste luns 16 de xuño tras sufrir un aparatoso accidente na autovía AG-41, coñecida como autovía do Salnés, á altura do municipio de Meaño.

Segundo informaba o 112 Galicia, o sinistro produciuse minutos antes das 09.00 horas, cando o vehículo que conducía a muller, un BMW que circulaba en dirección a Sanxenxo, impactou contra a mediana da estrada.

O brutal golpe provocou que o turismo dese varias voltas de campá na autovía.

A condutora, que viaxaba soa no vehículo tivo que ser excarcerada e foi atendida inicialmente no lugar do accidente polos servizos sanitarios do 061, que se desprazaron ata a zona tras recibir o aviso de emerxencia.

Tras ser estabilizada, a vítima foi trasladada ao Hospital Montecelo para ser sometida a unha exploración máis exhaustiva, aínda que as primeiras valoracións médicas indican que as súas feridas son de carácter leve.

Ata o lugar do sinistro achegáronse tamén efectivos do servizo de Emerxencias de Cambados e axentes da Garda Civil de Tráfico, que regularon a circulación e investigan as causas do accidente.

Foi necesaria tamén a intervención do servizo de limpeza de estradas para retirar os restos do vehículo e outros elementos que quedaron espallados pola calzada tras o impacto.

Vehículo accidentado na Autovía do SalnésServizo de Emerxencias