Conectan con éxito o novo colector da Avenida de Ourense co resto da rede de augas residuais de Marín

Marín
12 de febreiro 2020

A obra de saneamento da vila encara a súa recta final coa instalación dunha caseta de control en Cantodarea para activar a continuación o proxecto de humanización da avenida

Obras na Avenida de Ourense
Obras na Avenida de Ourense / Concello de Marín

A mellora do saneamento de Marín superou esta semana un dos seus momentos clave: a conexión do novo colector que percorre a Avenida de Ourense co resto da rede de augas fecais da vila. Esta ligazón realizouse á altura da Casa do concello, onde os operarios de Copcisa centraron o seu labor nos últimos días.

Esta operación supoñía un dos grandes desafíos técnicos do proxecto, que xa se encara a súa recta final. Despois de efectuar este enganche, os traballos centraranse no barrio de Cantodarea, preto da Praza do Regueiro, na que se construíu un depósito de retención que servirá para controlar as crecidas de caudal e evitar que lle depuradora de Os Praceres realice alivios á ría, que é o obxectivo principal da actuación.

A execución do proxecto é froito dun convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia e supuxo un investimento que superior aos 1,8 millóns de euros.

O único que resta agora por executar é a construción da caseta de control, que se instalará sobre o depósito e estará dotada cunha serie de equipos hidráulicos que servirán para controlar o funcionamento do colector.

Unha vez concluída a obra de saneamento, o Concello activará o proxecto de humanización da Avenida de Ourense, que está aínda pendente de adxudicación. Este proxecto consiste na mellora integral do aspecto e da iluminación desta vía que será cofinanciada pola Unión Europea.