Conmemoración do Día da Enfermería cun minuto de silencio polos profesionais sanitarios falecidos na pandemia

Pontevedra
12 de maio 2021

Desde o inicio da pandemia, profesionais de Enfermería da área sanitaria vacinaron a máis da terceira parte da poboación da zona, 101.587 persoas, 57.874 deses cidadáns recibiron unha dose e os outros 43.713 xa contan coas dúas

Profesionais de Enfermeria co xerente José Ramón Gómez Consellería de Sanidade

Este mércores 12 de maio celébrase o Día Internacional da Enfermería e a xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés quixo facer visible a "vital achega asistencial deste colectivo profesional na contención da covid-19".

Segundo os datos que sinala a xerencia, desde o inicio da pandemia este sector profesional vacinou a máis da terceira parte da poboación da súa zona de referencia. Trátase de 101.587 persoas, das que 57.874 son residentes que recibiron unha primeira dose mentres que 43.713 xa contan coa segunda vacina.

José Ramón Gómez, xerente da área, visitou nesta xornada o Recinto Feiral en Pontevedra e Fexdega en Vilagarcía de Arousa onde se realizan as vacinacións masivas de poboación e quixo recoñecer e participar na homenaxe ao colectivo profesional de Enfermería, sen o que "sería moi complicado facer fronte á pandemia global de coronavirus". Gómez Fernández agradeceu a dedicación, profesionalidade, traballo en equipo e compromiso deste sector profesional nestes momentos de crise sanitaria.

Durante esta xornada, o Consello Xeral de Enfermería de España convocou tamén un minuto de silencio en recordo de todos os profesionais sanitarios falecidos por  covid e en homenaxe a aqueles que seguen loitando contra a pandemia.

Esta data de conmemoración débese ao nacemento de Florence Nightingale, unha muller recoñecida como a promotora da Enfermería moderna. Foi a creadora de  práxis e técnicas que aínda son utilizadas na actualidade na actividade asistencial. Realizou numerosos artigos que permitiron a educación de futuros profesionais de enfermería, mediante a creación de institucións formativas.