O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou nas últimas horas a licitación das obras de restauración do santuario da Virxe da Peregrina de Pontevedra.
O edificio que é un Ben de Interese Cultural precisa unha intervención urxente para resolver os problemas de humidade que afectan a súa estrutura, segundo indican desde a Xunta de Galicia.
O proxecto, que conta cun orzamento superior aos 300.000 euros e un prazo de execución de seis meses, centrará os seus traballos na substitución da actual cuberta de chumbo por unha nova de zinc, así como na impermeabilización, reparación de canlóns e protección das gárgolas.
Tamén está prevista a renovación da pasarela de madeira de acceso á cuberta, que será substituída por unha metálica.
A intervención contempla ademais a restauración de importantes elementos escultóricos do templo, incluíndo a balaustrada, os pináculos, as cornixas e as imaxes da Virxe da Peregrina, Santiago, San Roque e a Alegoría da Fe.

Durante a súa visita ao santuario, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera e polo vicepresidente provincial Rafa Domínguez, o conselleiro destacou a importancia desta actuación para a preservación dun dos monumentos máis emblemáticos da cidade do Lérez, subliñando o seu valor tanto cultural como turístico.
López Campos enmarcou esta intervención dentro dun plan máis amplo de restauración do patrimonio pontevedrés, que inclúe actuacións no convento de Santa Clara e na basílica de Santa María a Maior, cun investimento total próximo aos 2,5 millóns de euros para este ano.
O conselleiro, que percorreu as instalacións e subiu ao campanario, lembrou que a Xunta realizou 130 actuacións patrimoniais en Galicia durante o pasado ano, cun investimento de case 13 millóns de euros, reafirmando así o compromiso do goberno autonómico coa preservación do patrimonio cultural galego.


