O conseller de Educación e Universidades das Illas Baleares, Antoni Vera, visitou este xoves o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza, en Pontevedra.
"É o mellor de toda España", explicoulle o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que o acompañou nesta visita.
O Carlos Oroza forma parte da rede de excelencia de FP que impulsa o Ministerio de Educación. O centro pontevedrés é o que obtivo a maior puntuación de toda España, de 180 puntos conseguiu 179,75, segundo destacou Román Rodríguez.
Este centro está especializado na hostalaría, un sector moi importante para a economía balear. Actualmente, conta con 352 alumnos e cunha ampla oferta formativa.
"Baleares necesita un impulso importante en formación profesional, é a nosa aposta nesta lexislatura", explicou Antoni Vera, que engadiu que "o noso tecido empresarial solicítanos man de obra cualificada".
Despois de visitar a escola de hostalaría, o conseller dixo ter unha "moi boa impresión" porque "son punteiros en formación profesional" e tamén aplican "un modelo que nós compartimos".
Así, o conseller balear ve "completamente acertada" que a formación avance da man do sector empresarial "nisto temos que traballar todas as comunidades autónomas".
Sen esa sinerxía "non tería a efectividade que ten nestes momentos", porque a industria de servizos demanda cada vez máis perfís especializados, polo que considera que é preciso impulsar unha maior oferta formativa e ampliar as súas infraestruturas da rede de centros integrados.
"Temos que aprender moito neste centro de hostalaría", manifestou.
No Carlos Oroza mostraron á delegación balear unha serie de accións que aplican nas aulas e que poderían ser exportables á súa comunidade.
Román Rodríguez afirmou que a FP é "un eixo estratéxico, unha política de país que nos serve para dar oportunidades laborais e de futuro a cada vez máis persoas".
En Galicia, declarou o conselleiro, a FP "avanzou en todos os ámbitos", pero destaca o incremento de alumnado, con preto de 69.000 matriculados este curso, o dobre que en 2009, "e unha taxa de empregabilidade do 86%".
A recente ampliación das instalacións do Carlos Oroza, cun novo edificio, foi outro dos ámbitos de interese do conseller debido ao obxectivo de ampliar a rede de centros integrados nas Illas Baleares.