Todos os puntos da orde do día do último Pleno Municipal celebrado en Caldas de Reis foron aprobados pola unanimidade do conxunto da Corporación.
Para o alcalde, Juan Manuel Rey, este feito "é motivo de satisfacción" e "demostra que estamos conectando coas necesidades da cidadanía". O rexedor destaca o apoio de todos os grupos da Corporación á proposta do Goberno local para rebaixar diferentes taxas aos sectores máis afectados pola crise económica do coronavirus para o vindeiro 2021. "Isto reflicte a sensibilidade e a empatía que hai con aqueles sectores que peor o están a pasar polas restricións, como son o comercio e a hostalería, aos que dende as administracións é a nosa obriga apoiar", afirmou.
As ordenanzas fiscais modificadas por acordo unánime da Corporación supoñen a conxelación xeral das taxas para o vindeiro ano e a exención da taxa de terrazas aos hostaleiros e a dos taxis pola licenza municipal. Así mesmo, rebaixarase nun 50% a taxa por venda ambulante e na mesma cantidade aos praceiros por ocupar un espazo na Praza de Abastos. Finalmente, aprobouse aplicar unha rebaixa dun 10% no recibo do lixo ao conxunto da cidadanía.
O Pleno celebrado o pasado xoves tamén deu luz verde por consenso á moción do Grupo de Goberno Socialista na que se solicitou á Xunta de Galicia o abono dos gastos derivados do exercicio das competencias impropias froito da pandemia da covid-19. Finalmente o acordo incluíu tamén solicitar o apoio ao Goberno central para facer fronte aos sobrecustos da crise á hora de garantir diferentes servizos.
O Goberno local cifrou en 104.454 euros o gasto ocasionado por competencias impropias durante a pandemia derivado da desinfección de centros educativos (28.435), da desinfección viaria e de mobiliario urbano (17.612), do reforzo de traballadores no servizo de limpeza e Medio Ambiente (6.297), do reforzo do Plan Madruga (10.000) e da adquisición de equipos de protección individuais e colectivos, material de seguridade e hixienización (42.109).
Tamén houbo consenso na moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego para solicitarlle á Xunta de Galicia a reactivación da atención presencial nos centros de atención primaria e reforzar nun 25% máis o orzamento que se destina a este servizo asistencial, entre outras medidas.
A unanimidade continuou na moción do Partido Popular con motivo do 25N, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, na que se instou ao Goberno central a ampliar a formación dos profesionais que interveñen na prevención e protección das vítimas, á Xunta a reforzar o apoio ás entidades locais neste eido e ao Concello a desenvolver novos programas e accións formativas en materia de igualdade e violencia de xénero.
No Pleno tamén se aprobou o expediente de modificación do prazo de duración da prórroga e da revisión dos prezos do contrato para a subministración de electricidade de alta e baixa tensión, así como o novo regulamento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e a modificación da ordenanza reguladora dos prezos públicos da gardería municipal.