Acometen traballos de conservación e mantemento nos principais enclaves patrimoniais da cidade

Pontevedra
03 de xuño 2026

Desenvolvéronse distintas actuacións en enclaves tan significativos como os restos da antiga muralla do Campiño ou os achados na praza de Valentín García Escudero

Traballos de consolidación dos achados arqueolóxicos de Santa María 1
Traballos de consolidación dos achados arqueolóxicos de Santa María 1 / Concello de Pontevedra

Coa chegada dos meses de maior afluencia de visitantes, os espazos arqueolóxicos ao aire libre de Pontevedra xa están preparados para recibir a quen queira descubrir unha parte da historia da cidade.

Nas últimas semanas desenvolvéronse distintas actuacións de conservación e mantemento en enclaves tan significativos como os restos da antiga muralla do Campiño de Santa María ou os achados arqueolóxicos situados na praza de Valentín García Escudero, ao pé da Ponte do Burgo.

Aínda que moitas veces pasan desapercibidos, estes traballos son fundamentais para garantir que os vestixios do pasado se conserven en boas condicións.

As tarefas incluíron a limpeza xeral dos espazos, a retirada de herbas e vexetación que medra entre os restos arqueolóxicos, a eliminación de pintadas na sinalización e o acondicionamento do mobiliario urbano que acompaña estes conxuntos patrimoniais.

Pero non todo foi cuestión de escobas e rozadoras, xa que na contorna do Campiño e da Basílica de Santa María tamén se acometeu unha actuación paisaxística que transformou a imaxe da zona baixa do recinto.

Retiráronse arredor de 300 metros cadrados de agapantos para crear unha nova pradería natural, unha solución máis axeitada para a protección e conservación dos restos arqueolóxicos existentes.

Entre todas as intervencións realizadas, unha das máis minuciosas foi a limpeza da vexetación que medraba entre as pedras da antiga muralla.

Neste caso, os operarios tiveron que actuar practicamente pedra a pedra, empregando só ferramentas manuais como tesoiras e fouciños para evitar danar os morteiros históricos que manteñen unidas as estruturas. A maquinaria utilizouse unicamente nas zonas periféricas, afastadas dos elementos patrimoniais máis sensibles.

Este tipo de actuacións forman parte dun programa de conservación que se desenvolve durante todo o ano.

Dende o Concello destacan que, ademais das intervencións máis intensivas en determinadas épocas, realízanse revisións periódicas para detectar a tempo a aparición de vexetación ou outros elementos que poidan afectar á imaxe ou ao estado de conservación dos xacementos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora