Construcciones Castro Figueiro executará a segunda fase de rehabilitación do Pazo de Quintáns

Sanxenxo
16 de abril 2024

Foi a única empresa que presentou oferta para executar estes traballos. O proxecto asinado polo arquitecto vilagarcián Carlos Berride está valorado en 770.000 euros e conta cun prazo de execución de 12 meses

Recreación do futuro espazo multifuncional do Pazo de Quintáns
Recreación do futuro espazo multifuncional do Pazo de Quintáns / Concello de Sanxenxo

A segunda fase das obras de rehabilitación do Pazo de Quintáns quedarán en mans da empresa Construcións Castro Figueiro. Foi a única empresa que presentou oferta para executar estes traballos.

O proxecto asinado polo arquitecto vilagarcián Carlos Berride está valorado en 770.000 euros e conta cun prazo de execución de 12 meses.

A principal actuación que se recolle nesta segunda fase é a creación dun espazo multifuncional de eventos que permita albergar pequenos eventos educativos, sociais ou culturais, cunha capacidade de aproximadamente 128 persoas sentadas e 222 de pé.

O seu deseño, en pedra, madeira e vidro principalmente, permite ter unha conexión visual permanente entre a edificación polivalente proxectada e o conxunto do Pazo de Quintáns, así como o edificio nobre.

Ao tratarse dunha edificación complementaria ao edificio nobre e ao propio conxunto do pazo, sitúase practicamente encostada ao muro perimetral de peche do patio de labranza. 

Ademais, proponse a creación dun aparcamento na leira oeste anexa, que dispoñerá de 27 prazas, estando dúas delas adaptadas para persoas con mobilidade reducida. De forma conxunta co aparcamento, pavimentarase con lastra o acceso.

Para completar esta mellora das condicións de acceso iluminarase, delimitaranse as prazas de aparcamento e procederase á motorización do portalón anexo ao hórreo para o peche do conxunto do pazo.

Nas zonas non aproveitables debido á xeometría do espazo destinado a aparcamento proponse a creación dunha xardineira con vexetación arbustiva de baixo porte.

Entre as demais actuacións destacan a recuperación do antigo hórreo ou a limpeza e saneamento da totalidade dos muros perimetrais e interiores.

Ademais, prevese adecuar os 'parladoiros' do pazo cunha nova iluminación e habilitaranse itinerarios peonís coa instalación de laxas de granito tipo silvestre sobre cama de area.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora