A Xunta Local de Goberno do Concello de Vilagarcía deste luns adxudicou as obras de ampliación do saneamento nun tramo da avenida Rosalía de Castro, no Carril, por 113.000 euros.
A empresa pontevedresa Construcciones Vale, SL será a encargada de realizar a actuación, cun prazo de execución de tres meses.
O inicio está previsto a mediados de setembro, para non coincidir coa tempada de verán. En concreto, as labores van dende o cruzamento coa rúa Esperanza e ata o da rúa Lucena, uns cen metros de percorrido. Tamén se construirá unha rede de pluviais, para evitar que colapse a rúa cando chove intensamente.
Á oferta presentáronse catorce empresas, resultando beneficiada Construcciones Vale, ao achegar "a proposta con mellor relación calidade-prezo", tal e como pode lerse na acta da Xunta Local de Goberno. A firma mellorou o prazo de garantía a 4 anos, e tamén a oferta económica, pois o custo polo que saíu á licitación era de 122.000 euros, e finalmente executarase por case dez mil euros menos do previsto.
A avenida onde se realizarán as obras é unha vía de titularidade autonómica "que sofre as consecuencias da falta de mantemento", segundo o Concello. A calzada atópase en moi mal estado de conservación o que provoca filtracións e afecta aos servizos soterrados: auga, gas, telecomunicacións e tamén saneamento, de titularidade municipal.
"O abandono ao que a Xunta somete á avenida de Rosalía de Castro provoca problemas constantes na rede e xera malestar aos veciños e ao Concello, que ten que mobilizar os operarios municipais constantemente para arranxar as avarías" critica o goberno local. O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela xa reclamou en innumerables ocasións ao executivo autonómico que realice labores de reforma nesta rúa, unha das máis transitadas da vila, especialmente na tempada de verán.
As obras que se van realizar consisten na demolición da beirarrúa e na escavación dunha gabia para a instalación dun colector. Dado o estado no que se atopa, descártase por completo a súa reparación parcial, polo que se colocará un novo.
O estreito das beiravías e a necesidade de actuar nun cruzamento (o da rúa Xalda con Doutor Nicolás Viqueira Conde), provocará que se levante parte da calzada, polo que unha vez que rematen as obras a empresa adxudicataria asfaltará a vía. Aproveitando a necesidade de renovar a rede de saneamento, instalaranse tamén a rede de pluviais, de xeito que as augas circulen separadas e non como ata agora, evitando os desbordamentos cando se rexistran precipitacións elevadas.
Os traballos comezarán a mediados de setembro, unha vez remate o Ameixa Rock, e para causar as menores molestias posibles.