Vilagarcía celebrará a segunda edición das Festas do Carme con teatro e música no Salón García

O Salnés
08 de xullo 2025
Actualizado: 14:15

A iniciativa parte da Asociación Cultural Crucelas, formada polos traballadores do Porto, que queren recuperar as celebracións no centro da vila

Xoán Fórneas e Ángeles Huerta, na rodaxe de "Antes de Nós"
Xoán Fórneas e Ángeles Huerta, na rodaxe de "Antes de Nós" / PontevedraViva

Vilagarcía celebrará a segunda edición das Festas do Carme con teatro e música no Salón García. A iniciativa parte da Asociación Cultural Crucelas, formada polos traballadores do Porto, que queren recuperar as celebracións e estendelas ao centro da vila.

"Non buscamos competir coa tradición de Vilaxoán ou Carril, senón completar a programación", explicaba esta mañá Julio García, membro da organización, en rolda de prensa.

A iniciativa ten carácter gratuíto e acceso libre ata completar aforo (250 prazas no Salón García). A programación comezará o martes 15 ás 20:00 horas coa obra "Mitolóxicas 1: a fabulosa historia da Moura" da compañía viguesa 'Os fillos do Capitán Nemo'.

Ao día seguinte ás 12:00 horas na igrexa parroquial de Santa Eulalia terá lugar a eucaristía, coa actuación do ‘Orfeón de Voces Graves de Arousa’.

Xa pola tarde, o grupo Nydia actuará de novo no Salón García a partir das 20:00 horas. Ricardo García, o seu director, apuntou que serán os encargados de "darlle o toque familiar ás festas", cun teatro musical da man do alumnado da asociación, con idades comprendidas entre os 7 e os 40 anos.

CICLO DE CINE FANTASIO NA RÚA

A película galega "Antes de nós" inaugura este domingo no Castro Alobre o ciclo 'Fantasio na rúa. Vilagarcía de cine'. A actividade minclúe a reprodución doutras 13 cintas en diferentes espazos ao aire libre do centro da cidade e as parroquias. As familias serán as grandes protagonistas da cita, cun bo número de proxeccións de carácter infantil.

PASEO FRONTE AO PARQUE DA COMPOSTELA

Por outra banda, o Concello de Vilagarcía anunciou que asume a reparación dun tramo do paseo fronte ao parque da Compostela, tal e como se aprobou onte en Xunta Local de Goberno.

Segundo un informe dos técnicos municipais, o pavimento deteriorouse debido ás altas temperaturas das últimas semanas, que fixeron que unha das xuntas de dilatación rompese, creando unha elevación no chan. Dende Ravella entenden que é prioritario reparala para evitar tropezos e debido a alta afluencia peonil na zona, intensificada coa chegada da tempada turística.

O goberno local asegura que a responsabilidade é de Costas do Estado, pero dende Ravella entenden que é prioritario actuar xa debido a afluencia de peóns.