A Xunta e o Concello de Vilagarcía asinan o convenio para construir dez vivendas públicas en Marxión

O Salnés
03 de xullo 2025
Actualizado: 17:46

O alcalde Alberto Varela lembrou que "hai 16 anos que non tíñamos a oportunidade de anunciar nova vivenda social na cidade"

María Martínez Allegue e Alberto Varela
María Martínez Allegue e Alberto Varela / Concello de Vilagarcía

O Concello de Vilagarcía e a Xunta de Galicia asinaron este xoves o convenio para a cesión dunha parcela de titularidade municipal na rúa Marxión, onde a administración autonómica comprométese a construír unha decena de vivendas públicas.

A finca ten 675 metros cadrados e ata o de agora estaba inutilizada. "Estamos ante un día histórico: había 16 anos, tras a construción do edifico de Desamparados, que a Xunta de Galicia non proxectaba novas vivendas sociais na cidade", apuntou o alcalde, Alberto Varela.

O goberno local respondeu con rapidez á petición da Consellería de Vivenda, quen precisaba de terreo para levantar o novo edificio. De feito, o rexedor sinalou que estaría "encantando" de firmar novas cesións para tratar de paliar o problema da falta de inmobles, "un dos que máis preocupa aos nosos veciños e veciñas".

Ademais, o Concello tamén aprobou no pleno ordinario do mes de abril, unha bonificación do 95% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) e do 50% do Imposto de Bens Inmobles (IBI).

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, agradeceu a colaboración do goberno municipal e sinalou a importancia de chegar a acordos entre administracións "independentemente das cores políticas".

A previsión da Xunta é axilizar os trámites o máximo posible, por iso este mesmo xoves publicouse na Plataforma de Contratación a licitación da redacción do proxecto, "porque non queremos perder tempo", sinalou a responsable.

Aproveitando a firma deste convenio, a conselleira anunciou que están a piques de adxudicar a redacción do proxecto para a construción das 350 residencias na zona das Carolinas. Cómpre recordar que neste caso o 80% dos pisos serán protexidos.