O goberno municipal de Pontevedra dirixe a mirada cara ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana. O Estado dispón actualmente de tres grandes bolsas de terreo urbano e o Concello quere que se destinen á construción de vivenda protexida.
Serían o ámbito de Campolongo e Mollavao, onde hai parcelas propiedade de Defensa; a Finca do Teucro, que é da Sareb -o coñecido como banco malo-; e a Avenida do Uruguai, onde poseen terreos o antigo Ministerio de Obras Públicas e máis a Sareb.
Con ese motivo, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, envioulle unha carta á ministra de Vivenda, a socialista Isabel Rodríguez, para que en estas tres zonas "se promovan vivendas protexidas", segundo explicou o concelleiro da área de urbanismo, Alberto Oubiña.
Oubiña sinalou que o Estado debe aproveitar os seus propios recursos para ofrecer solucións "a curto ou a medio prazo" ao problema da vivenda.
En Campolongo e Mollavao, ademais do convenio co Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED), o Goberno dispón de vivendas baleiras "que consideramos que poderían ser empregados para vivenda protexida", ben en réxime de venda ou de alugueiro.
O terreo é duns 10.000 metros cadrados, incluíndo zonas verdes e espazos libres, e entre os inmobles actualmente baleiros e os tres novos edificios que poderían construír, poderíase ofertar unha cifra superior ás 200 vivendas.
A Finca do Teucro, pola súa banda, ten 14.000 metros cadrados e alí está prevista a construción dunhas 190 vivendas, que o Concello agarda que "cando menos unha parte" sexa protexida.
Con respecto aos terreos da Avenida de Uruguai e da Rúa do Ouro. No primeiro caso é un terreo que ten posibilidade de licenza directa e no segundo Arqura Homes xa tramita unha licenza para a construción de 22 vivendas. Sería unha bolsa global duns 1.800 metros cadrados.
O edil de urbanismo explicou que o goberno municipal está disposto a "facilitar e axilizar" os trámites para estes proxectos, ofrecendo que os promova directamente o Estado ou que este ceda os terreos á Xunta para que sexa o executivo autonómico quen as faga.
O Concello abre a porta a manter calquera tipo de xuntanza co ministerio para avanzar neste propósito xa que, segundo reiterou Oubiña, "creemos que coa introdución de novas vivendas protexidas na cidade imos poder axudar a conter o prezo da vivenda".