O David Bustamante máis 'inédito' amenizará as Festas de San Roque en Vilagarcía

O Salnés
02 de xullo 2025

Actuará o mércores 20 de agosto ás 22:30 horas no parque da Xunqueira, con entrada gratuíta. Trátase do cuarto concerto confirmado despois dos de Mägo de Oz, Mondra e Ainhoa Arteta

David Bustamante
David Bustamante / Universal Music

As Festas de San Roque, en Vilagarcía, seguen a tomar forma. O popular cantante David Bustamante será un dos seus protagonistas.

Actuará o mércores 20 de agosto ás 22:30 horas no parque da Xunqueira, con entrada gratuíta.

Trátase do cuarto concerto confirmado despois dos de Mägo de Oz, Mondra e Ainhoa Arteta.

O artista cántabro atópase de xira por toda España para presentar Inédito, o seu novo traballo discográfico, que el mesmo entende que é "como un volver a empezar".

"Síntome pleno, realizado. É como se agora estivera no ecuador da miña carreira e coñecera unha nova faceta", explica o cantante sobre o disco que presentará en Vilagarcía.

Neste traballo, composto por unha decena de temas pop, os fans coñecerán o lado máis creativo de Bustamante, que se lanza por primeira vez a compoñer as súas cancións.

David Bustamante fíxose coñecido a raíz da súa participación na primeira edición de Operación Triunfo, de onde saíron moitos outros artistas recoñecidos como David Bisbal ou Chenoa.

Con catro millóns de seguidores na redes sociais, once discos ás súas costas e máis de 1.000 concertos por toda España, Bustamante "é un dos artistas máis importantes do país", apuntan dende a súa discográfica.

A concellería de Cultura, dirixida por Sonia Outón, leva un ano traballando na programación das festas de San Roque, que se está dando a coñecer pouco a pouco.

Aínda quedan algunhas citas musicais por anunciar, pero polo de agora o calendario de concertos é dos máis variados dos últimos anos, con música para todos os públicos.