Dentro da súa xira "Feliz No Cumpleaños 2025 Tour", o mítico grupo de folk metal Mägo de Oz recalará en Vilagarcía o martes 19 de agosto.
Será un concerto gratuíto que de seguro atraerá a seguidores de toda Galicia pois, polo de agora, é o único previsto na comunidade autónoma.
O da banda liderada dende 1988 por Jesús María Hernández Gil, "Txus di Fellatio", é o primeiro dos grandes concertos de San Roque 2025.
O repertorio de Mägo de Oz é para un público moi determinado pero, tendo en conta a súa lonxevidade e traxectoria, é seguro que convocará a varias xeracións.
A espectacularidade dos seus escenarios e o seu ritmo divertido e trepidante non deixarán a ninguén indiferente, incluso a aqueles aos que o rock e o metal lles queda un pouco lonxe.
Mägo de Oz, autores de cancións como Fiesta pagana, convertida nun clásico da música española, comezaron a súa xira de celebración do non-cumpleanos en Madrid o 26 de abril.
Ata o de agora teñen confirmadas 29 citas ata o 22 de novembro.
Ademais de varias capitais españolas, tamén teñen concertos xa programados en Colombia e México.
O único previsto en Galicia é, precisamente, o de Vilagarcía, o que unido ao seu carácter gratuíto e a súa coincidencia coas festas patronais, fan augurar unha multitudinaria asistencia.