Ainhoa Arteta, á fronte dunha gala lírica que amenizará as Festas de San Roque

O Salnés
30 de xuño 2025

Esta gala lírica, con cancións de Puccini, Rossini, Leonard Cohen ou Mecano, entre outros, contará coas voces de Luís Santana e da carrilexa Loli Crespo, ademais do pianista Victor Carbajo

Ainhoa Arteta
Ainhoa Arteta / Ainhoa Arteta

A soprano Ainhoa Arteta protagonizará o terceiro dos concertos confirmado para as Festas de San Roque, en Vilagarcía. A cantante actuará no parque da Xunqueira o 18 de agosto ás 22:00 horas.

Será no marco dunha gala lírica que contará coas voces do barítono Luís Santana e da soprano carrilexa Loli Crespo, ademais do acompañamento musical do pianista Victor Carbajo.

O espectáculo acollerá a maxia da ópera, a zarzuela e a canción de cámara italiana e española nun concerto que promete ser único.

O concerto, que durará aproximadamente hora e media, está composto por dezanove cancións.

Na cita interpretaranse cancións de Puccini, Rossini, Leonard Cohen ou Mecano, entre outras.

Durante a primeira parte, os amantes da ópera deleitaranse coas obras de Rossini e Puccini: Ombreta Sdegnosa e La fiora Fiorentina do primeiro, e E Luccellino, Sole e Amore, O mio Babbino Caro, Musetta e Nessun dorma do segundo.

Tamén haberá tempo para o Hallelujah de Leonard Cohen ou La Ci Darem La Mano de Mozart.

A segunda parte comezará con Dos cantares populares, de Fernando Obradors, e continuará con Alfonsina y el mar, de Ariel Ramírez; El Sampedrino, de Carlo Gustavino; Quíxente tanto maniña, basado nun poema de Rosalía de Castro; ou La llorona, de Andrés Henestrosa.

Seguidamente soará Hijo de la luna, de Mecano; La tarántula, de Gerónimo Giménez; Romarza de Marica, de Bernardo del Río; e Libre, de Nino Bravo.

O concerto pechará con Todas las mañanitas, de Manuel Penella.

Esta gala lírica con Ainhoa Arteta súmase aos concertos xa anunciados de Mägo de Oz (19 de agosto) e Mondra (22 de agosto), tamén no parque da Xunqueira e a partir das 22:30 horas, todos de carácter gratuíto.