Consumo conxela os prazos de devolución de artigos comprados antes do estado de alarma

Pontevedra
19 de marzo 2020

Se compráchedes algo antes de que se decretase o estado de alarma e queredes cambialo, non vos preocupedes. O Ministerio de Consumo decidiu conxelar os prazos que recolle a lei para a devolución de artigos, polo que se poderán cambiar cando se normalice a situación

Un comercio na cidade
Un comercio na cidade / Mónica Patxot

Se compráchedes algo antes de que se decretase o estado de alarma e queredes cambialo, non vos preocupedes. O Ministerio de Consumo decidiu conxelar os prazos que recolle a lei para a devolución de artigos, polo que se poderán cambiar cando se normalice a situación.

Consumo entende que, "en coherencia" coa interrupción de prazos procesuais e administrativos, débese adoptar esta medida "excepcional" para que os consumidores non perdan os seus dereitos "sen contravir" o estado de alarma.

A comunicación remitida polo ministerio asegura que os prazos que se dan aos clientes para devolver os produtos comprados renovaranse no momento no que o estado de alarma perda a súa vixencia.

Ademais, o Goberno asegura que garantirá, durante o período que dure o estado de alarma, as entregas dos produtos comprados a través de Internet, por teléfono ou por correspondencia.

O Ministerio de Transportes será o que estableza as condicións necesarias para facilitar o transporte de mercadorías en todo o territorio nacional con obxecto de garantir o abastecemento e a entrega destes produtos adquiridos a distancia.