Conta atrás para a instalación da iluminación led en Lérez e o barrio do Burgo

Pontevedra
07 de abril 2025

A empresa Setga, adxudicataria da obra cun orzamento de casi 1,36 millóns, iniciará os traballos pola zona do Cimbelo, para estenderse a toda a parroquia e, a continuación, abordar o barrio do Burgo

Iluminación led da glorieta elevada de Mollavao
Iluminación led da glorieta elevada de Mollavao / Xunta de Galicia

Os traballos para a renovación do alumeado público na parroquia de Lérez e no barrio do Burgo comezarán esta semana semana, segundo confirma o Concello de Pontevedra.

A empresa Setga, adxudicataria da obra cun orzamento de casi 1,36 millóns de euros, iniciará a instalación pola zona do Cimbelo, para estenderse a toda a parroquia e, a continuación, abordar a parte urbana: o barrio do Burgo.

Esta actuación permitirá mudar 1.397 luminarias e 29 cadros de luz, substituír postes danados e permitir un aforro no consumo do 62%, o que permitirá pasar a un consumo de 295.309 kWh/ano, ademais de evitar a emisión de 254,62 toneladas de CO2 cada ano.

O eido de actuación comprende distintas zonas que van desde O Castelo ao Burgo, Fontaíña e Couso; Médico Ballina e Juan Bautista Andrade até Juan Manuel Pintos e Domingo Fontán, praza de Pasarón, Rafael Areses e Alexandre Bóveda; ademais do campus ou a Xunqueira da Gándara.

Ademais da mellora lumínica, a proposta da empresa Setga permitirá cambiar 29 cadros de luz.

No rural adoptarán a mesma forma dos xa instalados en Marcón, Mourente, Santa María ou Santo André de Xeve, entre outras parroquias. Son novos elementos, moito máis modernos, estéticos, seguros e con maior durabilidade.

Posúen un maior hermetismo, unha notable mimetización coa contorna e estarán personalizados para a parroquia de Lérez, amosando unha imaxe emblemática da mesma.

Ao respecto dos cadros da zona urbana, o barrio do Burgo, o Concello continuará coa proposta realizada na zona sur da cidade coa instalación de cadros da luz historiados que lembran lugares, personaxes, traballos do barrio, recuperando así a memoria histórica do lugar.

Esta actuación finánciase con cargo á partida que lle corresponde ao Concello de Pontevedra dos fondos da Deputación de Pontevedra.