Conta atrás para destapar o río Gafos entre Xeneral Rubín e Rosalía de Castro

Pontevedra
22 de febreiro 2023

Con diversas catas técnicas que a empresa COVSA realizou na beira do Gafos que dá cara a Rúa da Tablada arrancou a conta atrás para o agardado proxecto para destapar o río ao seu paso por Campolongo. O inicio, segundo as previsións municipais, será en cuestión de semanas

Catas previas aos traballos para destapar o río Gafos
Catas previas aos traballos para destapar o río Gafos / Concello de Pontevedra

Con diversas catas técnicas que a empresa COVSA realizou na beira do Gafos que dá cara a Rúa da Tablada arrancou a conta atrás para o agardado proxecto para destapar o río ao seu paso por Campolongo. O inicio, segundo as previsións municipais, será en cuestión de semanas.

Estes traballos previos serviron para detectar a profundidade á que deberá cimentar a estrutura da pasarela metálica voadiza que se creará para conectar ambas as dúas marxes do río nese punto, A Tablada con Rosalía de Castro, e que substituirá á actual ponte peonil.

Os técnicos determinaron que haberá que escavar tres metros e medio no punto previsto para poder cimentar a nova pasarela, o traballo máis complexo desta primeira fase, de xeito seguro.

A intervención para destapar o Gafos, que comezará polo tramo entre Xeneral Rubín e Rosalía de Castro, permitirá "osixenar todo este ámbito e recuperar a visión e o acceso ao río dos Gafos", destaca o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes.

O proxecto actuará sobre o único treito do río que nestes momentos non ten paseo e que non resulta accesible, sendo ademais a zona máis degradada nestes momentos, ao estar encaixonada entre traseiras de edificios e non ofrecer acceso ao río en ningún punto.

Esta actuación, na que se investirá preto de medio millón de euros, ademais de derrubar a ponte de formigón e substituíla pola nova pasarela metálica voada, asegurará os noiros máis próximos ás vivendas con muros de contención e reverdecerá todo ese espazo ata o río.

Para iso, mesturaranse dous tipos de solucións, zonas de herba, pradeira e ribeira e zonas de bancais, que permitan xerar áreas de lecer e de estar e áreas de acceso e baixada para poder chegar ata o río e tocar a auga.

Os traballos traduciranse na creación dunhas ribeiras accesibles e duns paseos perpendiculares ao longo da canle, o que fará posible comunicar a zona de Campolongo coa que discorre ata as Corbaceiras, dando continuidade ao paseo do Gafos desde Tomeza ata a desembocadura.

Os paseos combinarán xabre estabilizado con zonas de lastro e herba e eliminaranse os colectores en superficie, que serán renovados por elementos soterrados que non interfiran visualmente dentro da paisaxe de ribeira.