Conta atrás para o novo mercado de abastos de Sanxenxo coas primeiras catas de terreo

Sanxenxo
10 de febreiro 2021

Estes traballos, do mesmo xeito que o estudo topográfico previsto, realízanse para garantir a adecuación da futura estrutura e dotar ao edificio da rúa Madrid de todos os criterios de seguridade e funcionalidade que o programa de usos require

Catas de terreo no mercado de abastos da rúa Madrid de Sanxenxo
Catas de terreo no mercado de abastos da rúa Madrid de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O  Concello de Sanxenxo iniciou esta semana as catas de terreo no interior e exterior do mercado de abastos da rúa Madrid dentro dos traballos previos para a elaboración do proxecto do novo edificio.

A empresa encargada de realizar o estudo xeotécnico realizará ata seis puntos de perforación de entre 12 e 15 metros de profundidade para coñecer as características do terreo en relación co edificio previsto e a contorna onde se sitúa.

Estes traballos, do mesmo xeito que o estudo topográfico previsto, realízanse para garantir a adecuación da futura estrutura e dotar ao edificio de todos os criterios de seguridade e funcionalidade que o programa de usos require.

Unha vez que se dispoña do proxecto, valorado en 4,5 millóns de euros, o goberno local iniciará a procura de financiamento entre as distintas administracións autonómicas, estatais e mesmo europeas.

A proposta gañadora, que se presentou co lema "Os luns ao sol", presenta un edificio multifuncional acristalado que acollerá o mercado de abastos, un espazo gastronómico, a biblioteca municipal, salas de lectura e espazos polivalentes cuxos usos se irán definindo. O último andar está pensado como espazo gourmet. No soto do edificio prevese un aparcamento público.