Marín espera con ganas que chegue o vindeiro sábado 19 de agosto, data elixida para a sexta edición da Festa Corsaria Juan Gago de Mendoza.
O centro da vila regresará ao século XVIII e farano nunha edición de record, xa que se superaron amplamente as peticións de particulares para poder comer en mesas instaladas na rúa. Das 14 solicitudes cursadas o pasado ano chegouse nesta ocasión ás 44.
En canto aos locais de hostalería que apostan por participar na festa serán 29 e, xunto aos particulares, ocuparán entre outras a Rúa Do Sol, Parque Eguren, Fondo do Saca, Veiguiña, Caracal, Ribeira de Abaixo, Rúa Real, Peirao, Rúa da Roda, Rúa Lameira, Almuiña e Méndez Nuñez.
Na programación destaca ademais a recreación da vila mariñeira que se instalará no Parque Eguren, con representación de oficios tradicionais e obradoiros de esgrima, tiro con arco e cetrería.
A oferta complétase coa feira de artesanía e postos gastronómicos que xa se inaugurará ás 18:00 horas da tarde do venres e que se manterá aberta ata o domingo.