Continúa a folga do sector das ambulancias ante a falta de noticias da patronal

Pontevedra
07 de xullo 2023

Reclaman "que se mellore o servizo" porque "é lamentable o que está pasando", afirma Xavier Aboy, secretario comarcal da Fgamt-CIG, durante unha nova folga que comezou este venres diante do Hospital Provincial e concluíu na Praza da Peregrina  

Persoal das ambulancias ante o Hospital Provincial na segunda xornada de folga
Persoal das ambulancias ante o Hospital Provincial na segunda xornada de folga / PontevedraViva

A folga do sector de ambulancias continúa este venres e seguirá os días 19, 20 e 21 de xullo ante a impasividade da Consellería e da patronal, que "quedaron en chamar" tras a concentración do xoves diante da Deputación, pero aínda "non hai noticias".

Os representantes queren "chegar a un acordo, pero non a base de perxudicar os próximos 5 anos". Reclaman "que se mellore o servizo" porque "é lamentable o que está pasando", afirma Xavier Aboy, secretario comarcal da Fgamt-CIG, durante unha nova folga que comezou este venres diante do Hospital Provincial e concluíu na Praza da Peregrina.

Denuncian o incremento de traballo nestes últimos anos sen aumentar o número de ambulancias, hai empresas onde o persoal ten que facer horas extras todos os meses sen cobrar ou mal pagadas, onde non teñen descansos e vacacións regulamentarias, falta personal, etc. En definitiva, "está colapsado o servizo e necesítanse máis ambulancias", indica Aboy.

O xoves, na concentración diante da Deputación lograron trasladar as súas demandas a Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, pero "a día de hoxe non hai noticias da patronal, quedaron en chamar pero a ver cando o fan", lamenta.

O sector das ambulancias continúa parado a excepción dos servizos mínimos tanto en Pontevedra como O Salnés e a folga continuará ata as 24 horas de hoxe á espera dunha contestación a súa proposta. "A proposta sindical téñena, agora está en mans da patronal e do Sergas", manifesta.

O Salnés necesita unha ambulancia máis durante todo o ano, do mesmo xeito que O Deza e O Morrazo. Na comarca, hai bases do 061 en Caldas, Vilagarcía; Portonovo; Cambados, O Grove; Bueu; Marín; dous en Pontevedra, unha medicalizada 24 horas en Sanidade e unha sanitarizada cun técnico e enfermeira durante 12 horas; ademais da ambulancia medicalizada que agora, durante os meses de verán, se atopa en Sanxenxo. Ademais, outras 38 ambulancias tamén realizan accións programadas para servizos de, entre outros departamentos, oncoloxía ou diálise do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Os representantes sindicais anuncian que, nos próximos días, levarán a cabo unha manifestación en Sanxenxo e non descartan unha folga indefinida se a Consellería de Sanidade e a patronal non moven ficha.