Continúa a repartición de máscaras de protección entre persoal reincorporado a súa actividade laboral

Pontevedra
14 de abril 2020

Este martes repartíronse nos polígonos industriais do Vao e do Campiño e tamén nas lonxas das instalacións portuarias, entre outros cen puntos da provincia, coa intención de que o persoal incorporado ao traballo evite os contaxios

Repartición de máscaras hixiénicas nun autobús a cargo da Policía Nacional
Repartición de máscaras hixiénicas nun autobús a cargo da Policía Nacional / Subdelegación do Goberno

Efectivos da Policía Nacional e da Garda Civil, ademais de axentes da Policía Local e integrantes de Protección Civil continuaron este martes repartindo máscaras hixiénicas en máis dun centenar de puntos da provincia, segundo informa a Subdelegación do Goberno.

Durante estas xornadas distribúense as 210.000  máscaras proporcionadas polo Goberno central coa intención de que o persoal que se incorporaba este luns á actividade laboral conte con material de protección ante circunstancias que poidan provocar contaxio.

Maica Larriba, subdelegada do Goberno, considera positiva a coordinación que se está a levar a cabo nesta repartición na que se entregan máscaras en autobuses para evitar os riscos de contaxio nos desprazamentos colectivos e mellorar as medidas de prevención.

A repartición realizouse, a primeiras horas da mañá, nas estacións de tren e de autobuses, ademais de en puntos nos que se moven numerosos traballadores tanto en Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Marín, Ribadumia e na área de Vigo. Ademais tamén se estableceron dispositivos nos polígonos empresariais de O Vao e O Campiño. No ámbito marítimo, a distribución realizábase nas instalacións das lonxas pontevedresas.

A subdelegada do Goberno agradeceu a actuación das forzas de seguridade neste traballo de achega de material e información sanitaria á cidadanía.