Continúan as obras en Liñares tras modificar o proxecto para incluír a rede de pluviais

Poio
10 de maio 2024

As obras de humanización en Liñares retomáronse esta semana con importantes novidades respecto ao proxecto inicial, segundo indica o goberno local de Poio. Vai ampliarse a capacidade da rede de pluviais e está prevista a eliminación do pozo de rexistro do regato canalizado que se atopaba no centro da praza, na que conflúen dúas rúas con tráfico rodado e peonil

Obras en Liñares
Obras en Liñares /

Esta semana retomábanse as obras para mellorar Liñares, despois de realizar cambios respecto ao proxecto inicial, segundo informa o goberno de Poio.

Agora inclúese a ampliación da capacidade da rede de pluviais e elimínase o pozo de rexistro do regacho canalizado que percorría o centro da praza, na que conflúen dúas rúas con tráfico de vehículos e peonil.

Marcial García, concelleiro de Obras e Servizos en Poio, visitaba as obras nas últimas horas indicando que agora se recollen as principais reclamacións veciñais. Ademais entende que a obra ofrece "máis garantías e seguridade".

A finais de outubro iniciáronse as obras e, despois de realizar as escavacións, confirmouse que as tubaxes da rede eran insuficientes para garantir a recollida de pluviais, segundo indicou o concelleiro.

Por este motivo decidíase realizar un modificado incluíndo a eliminación de pozo de rexistro porque existía o temor de provocar afundimentos do pavimento. 

O Concello de Poio tamén solicitou informes sectoriais a Augas de Galicia para pechar este pozo, unha solicitude presentada o 24 de novembro e con informe favorable desde finais de 2023.

Esta obra de humanización de Liñares tiña un orzamento inicial de 138.705 euros, que agora se incrementan con 20.788 da modificación do proxecto. A obra acométese con fondos da Deputación de Pontevedra.