O Concello de Pontevedra contratou ao despacho de arquitectura Santos|Mera para que asuma os proxectos de reforma nos campos de fútbol de herba sintéctica do rural.
Os arquitectos visitarán esta semana os campos de Santa María de Xeve e Cerponzóns para coñecer as instalacións antes de deseñar os proxectos, que se enmarcan dentro do plan para habilitar unha rede de campos de fútbol no rural pontevedrés.
A idea, explican, é que os campos de herba sintética cumpran todos os canons deste tipo de infraestruturas deportivas e ademais se poidan converter en "instalacións senlleiras" nas parroquias.
Santos|Mera xa foi o despacho de arquitectos encargado de deseñar o Local Social do Gorgullón ou a Casa Verde de Salcedo, ademais de ser responsable das reformas en Audiencia Provincial, o Carlos Oroza ou o Centro de Día para enfermos de Alzheimer na cidade, contratadas pola Xunta.