Contratan un arqueólogo para facer un informe da obra do cruzamento de Benito Corbal con Daniel de la Sota

Pontevedra
15 de febreiro 2021

Será contratado para este control arqueolóxico Diego Piay Augusto, por un importe de 1.452 euros

Zona onde apareceu a poza nas obras de pavimentación de Daniel de la Sota
Zona onde apareceu a poza nas obras de pavimentación de Daniel de la Sota

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns a contratación polo procedemento de emerxencia dun informe arqueolóxico das obras que se están realizando no cruzamento das rúas Benito Corbal con Daniel de la Sota e Cobián Roffignac.

Segundo explicou a portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, o Concello vai acometer neste punto unha actuación de reforma integral, posto que se incluirá a renovación completa da rede de saneamento nese tramo. Esta decisión vén motivada, segundo explicou, pola necesidade de solventar o deteriroro dun pozo da rede de saneamento que estaba a producir filtracións e deteriorando toda a área ao seu arredor.

Será contratado para este control arqueolóxico Diego Piay Augusto, por un importe de 1.452 euros. A portavoz municipal quixo deixar claro que este arqueólogo "non ten nada que ver co concelleiro Alberto Oubiña Piay por si alguén ten algunha dúbida".

Este control arqueolóxico é un requisito necesario antes de proceder a renovar a rede de saneamento para solventar esta incidencia detectada durante as obras de demolición do actual pavimento.

O Concello acometerá unha intervención que transformará o actual cruzamento nunha "praza circular que funcione como un espazo de estancia, de preferencia peonil e de alta calidade urbana", substituíndo o actual asfalto vermello por formigón puído confinado entre bandas de pedra. 

Neste sentido, utilizaranse solucións xa probadas noutras intervencións da cidade como na cabeceira norte da ponte do Burgo, e o uso de bordillos circulares como por exemplo na praza do cruce da rúa da Seca con Casimiro Gómez e Fernando Olmedo.