Convenio con Amicos para emprender accións que favorezan a persoas con capacidades diferentes

Poio
19 de maio 2022

A concelleira de Educación, Raquel Rodríguez asinou o acordo co coordinador de Orientación Laboral do colectivo, Keltoi Cameán, para coordinar iniciativas que impliquen ao tecido escolar na inclusión, ao mesmo tempo que se organizarán actividades en favor do coidado do medio ambiente, seguindo a filosofía da campaña Poio en Verde

Ecobrigada de Amicos
Ecobrigada de Amicos / Amicos.org

A Asociación Amicos asinou un acordo co Concello de Poio para levar a cabo un conxunto de accións colaborativas que axuden a persoas con capacidades diferentes a integrarse ao mesmo tempo que realizan actividades ambientais, recuperación de zonas verdes e de concienciación escolar.

Raquel Rodríguez, concelleira de Educación, establecía o convenio co coordinador de Orientación Laboral da asociación, Keltoi Cameán. Con esta proposta preténdese, segundo explicaron, promover unha concienciación cidadá, especialmente no ámbito educativo, para mellorar a inclusión e provocar un cambio na sociedade.

Amicos, unha asociación sen ánimo de lucro, leva máis de dúas décadas realizando traballos para integrar a persoas con discapacidade intelectual, autismo ou parálise cerebral, ademais de ofrecer axuda a familiares que coidan destas persoas. Raquel Rodríguez indicou que o Concello comparte o espírito e os valores que "transmite este colectivo".

Entre as propostas establecidas para os próximos meses realizarase unha aposta pola educación e polo medio ambiente con eventos en centros educativos. Tamén se impulsarán os valores da campaña Poio en Verde a través das Ecobrigadas de Amicos, que realizarán intervencións para recuperar espazos verdes e acometerán tarefas de coidado de distintas zonas do  Concello de Poio.