A Deputación de Pontevedra volverá celebrar o Día de Homenaxe ás Vítimas do Exilio, por terceiro ano, co programa Contrapuntos.
Nesta ocasión, renderá homenaxe ao matrimonio formado por Castelao e Virxinia Pereira cun acto no Museo de Pontevedra o próximo xoves 8 de maio.
Incluirá unha conversa con Noni Araújo e Pepe Coira, moderada por Beatriz Fontán, e un concerto da violinista Sara Areal, acompañada polo guitarrista Samuel Diz.
Será ás 19:00 h no Edificio Castelao, con acceso libre ata completar a capacidade.
Esta é a terceira edición deste programa comisariado por Beatriz Fontán e Samuel Diz e a edición deste ano realizarase na mesma xornada fixada como Día de Homenaxe ás Vítimas do Exilio.
A elección de Castelao e Virxinia Pereira sitúase no marco do 75 aniversario do pasamento en Bos Aires do intelectual galeguista.
A conversa entre o guionista e produtor Pepe Coira e a profesora Noni Araújo abordará a memoria como fonte de creación artística en paralelo á importancia das testemuñas orais na reconstrución histórica.
A violinista Sara Areal, integrante da Orquestra Sinfónica de Galicia, fará unha homenaxe musical ao matrimonio cun programa que percorre as constelacións vitais e cardinais de Castelao e Pereira, xunto ao guitarrista Samuel Diz, intérprete e investigador do legado musical do exilio republicano de 1939.