O persoal de Ambulancias Civera, concesionaria do transporte sanitario programado e dos traslados intrahospitalarios nas áreas de Pontevedra e do Salnés, anuncia a convocatoria dunha folga indefinida a partir das 00.00 horas do martes 17 de xaneiro. Reclaman o pago íntegro dos salarios do mes de decembro, xa que recibiron só unha parte da nómina.
Desde a FGAMT-CIG de Pontevedra lembran que o xerente José Flores se comprometeu a dirixirse ao empresario para que saldase a débeda de maneira inmediata, despois de que o persoal realizara unha protesta no Hospital Montecelo durante o xoves 5.
Co paro indefinido tamén queren denunciar os "graves incumprimentos de Ambulancias Civera" en relación co convenio colectivo e as condicións sanitarias. Desde o comité de empresa levan meses denunciando a situación e reclaman o rescate desta concesión por parte do Servizo Galego de Saúde.
Os representantes do sindicato nacionalista insisten na deterioración das condicións laborais desde hai máis de ano e medio e culpan á xerencia da área sanitaria de sacar un concurso público deficitario que finalmente levou Ambulancias Civera, empresa que se atopa dirixida desde Valencia.
O concurso público saíu a licitación por 19 millóns de euros a tres anos e dous máis de prórroga, con sete ambulancias menos en relación co anterior. A FGAMT-CIG indica que esta licitación inflúe negativamente na asistencia aos pacientes, causando esperas interminables nos tratamentos e xerando un "grave prexuízo" ao persoal.