Convocada folga de ambulancias a partir do 8 de febreiro

Pontevedra
31 de xaneiro 2019

Os paros empezarán de forma intermitente, do 8 ao 11 de febreiro; do 18 ao 24 de febreiro; do 4 ao 10 de marzo e, a partir de aí, a folga será indefinida

Concentración dos traballadores do sector de ambulancias
Concentración dos traballadores do sector de ambulancias / Mónica Patxot

O sector de ambulancias ten convocada unha folga. Os paros empezarán de forma intermitente, do 8 ao 11 de febreiro; do 18 ao 24 de febreiro; do 4 ao 10 de marzo e, a partir de aí, a folga será indefinida.

Traballadores do sector de ambulancias e representantes da CIG, CCOO e UGT protagonizaron este xoves unha primeira mobilización, concentrándose ante a entrada de consultas do Hospital Provincial de Pontevedra. De xeito simultáneo celebráronse concentracións en todos os hospitais de referencia das sete cidades, xa que a folga vai ter carácter autonómico.

En representación do sector, no que traballan máis de 1.500 persoas, compareceron Xabier Aboi, da CIG, José Luis García Pedrosa, de CCOO e Alfonso Boullosa de UGT, que coincidiron en sinalar que a convocatoria de folga acordouse logo da patronal rachar a mesa de negociación, despois de tres anos, ao propor na última xuntanza unha redución dun 10% do convenio, coa posibilidade mesmo de impagos a partir do mes de marzo. Fronte a isto reclaman que o novo convenio contemple un incremento salarial.

Os contratos de transporte sanitario urxentes fainos a Fundación sanitaria 061, dependente da consellaría de Sanidade e os de non Urxente fanse polas propias Xerencias das áreas sanitarias. Por iso os representantes das organizacións sindicais coincidiron en responsabilizar á Xunta de Galicia desta situación, por sacar os contratos a concurso por debaixo do seu custo, mais tamén por aceptar as propostas con baixa temeraria presentadas polas empresas para competir entre elas, sabendo que isto provocaría rebaixas nos salarios.

Finalmente os representantes sindicais pediron desculpas a cidadanía polos prexuízos que provocará a folga e advirten de que estarán garantidos os servizos de urxencia (oncoloxía e hemodialese) máis non o resto.