O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, ven de convocar ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a unha nova xuntanza da comisión de seguimento e control do convenio de colaboración entre ambas administracións para a cesión do recinto conventual á institución provincial para a súa incorporación ao Museo de Pontevedra e a súa rehabilitación con destino a fins museísticos.
Na xuntanza, que terá lugar o vindeiro luns 29 de abril ás 11:00 horas no Pazo provincial, avaliarase o estado actual das actuacións no convento e o cumprimento do convenio.
"Queremos facer partícipe, desde a lealdade institucional, ao Concello dos avances que se están a realizar en Santa Clara", remarcou o vicepresidente provincial.
Domínguez recordou que a actuación no convento "é vital para Pontevedra, para o modelo que queremos para esta cidade, como capital cultural con recoñecemento internacional e onde Santa Clara será a xoia da coroa e o Museo de Pontevedra o seu faro".
"A nosa vontade é seguir avanzando en Santa Clara" afirmou o vicepresidente quen aproveitou para recordar que o proxecto "progresa moi adecuadamente" coa implicación e compromiso da empresa Nieto Sobejano e grazas ao traballo "ímprobo" e á "implicación" do persoal funcionario da Deputación.
"O noso obxectivo é celebrar o centenario do Museo de Pontevedra, no 2027, con Santa Clara rematado", asegurou Rafa Domínguez.