Convocan aos interesados en adherirse ao programa de compostaxe de Portonovo

Sanxenxo
18 de xaneiro 2016

A Concellería de Medio Ambiente convoca a todos os interesados a unha reunión mañá martes, no Usos Múltiples, ás 20.30 horas

Portonovo
Portonovo / PontevedraViva

Os veciños de Portonovo interesados en adherirse ao programa de compostaxe comunitaria poderán facelo entregando as súas inscricións  na reunión convocada pola Concellería de Medio Ambiente para este martes no Usos Múltiples a partir das 20.30 horas.

E é que cabe lembrar que un dos requisitos valorados pola Deputación para outorgar os composteiros é, ademais de dispoñer do terreo, que haxa 60 persoas dispostas a utilizalo. "Non teñen que ser 60 vivendas senón que entre este número contabilízase a todos os integrantes dunha mesma unidade familiar", explica Coral González-Haba.

No caso de Portonovo a intención da Concellería de Medio Ambiente é a instalación dun composteiro de tres módulos nos que os usuarios poidan depositar os seus restos orgánicos.

Ao proxecto sumouse xa algún establecemento de hostalería, aínda que a intención da Concellería é que aos poucos esta práctica se vaia estendendo non só entre os usuarios domésticos senón tamén entre restaurantes e cafeterías. E é que a utilización dos composteiros reduciría significativamente o peso dos residuos que se envían a Sogama.