Convocan as eleccións sindicais en ENCE o 19 de febreiro

Pontevedra
23 de xaneiro 2014

A reducción do persoal da factoría, que actualmente conta con 238 traballadores, obriga a que o número de representantes sindicais a escoller pase de 13 a 9 delegados

Xornada de folga en ENCE
Xornada de folga en ENCE / PontevedraViva

Os traballadores da fábrica de ENCE en Lourizán elixirán os seus representantes sindicais o próximo mércores 19 de febreiro tras a convocatoria das eleccións na factoría, despois dun ano conflitivo que levou a que se aprazase a cita coas urnas. O martes 30 de abril de 2013 tíñanse que ter constituído as mesas electorais pero a negociación do ERE que formulara a empresa provocou o aprazamento ata o primeiro trimestre de 2014.

O aprazamento ten como principal consecuencia a redución do censo electoral ante a rebaixa de traballadores que experimentou a factoría. Pasouse de 250 a 238 traballadores, dos que 153 son especialistas e 85 técnicos. Por ese mesmo motivo, dos 13 delegados que se seleccionaran nas anteriores eleccións pásase a 9 representantes sindicais.

O traslado de data para a celebración das eleccións provocou as queixas do sindicato CSIF que acusaba o comité de empresa de "falta de democracia" por continuar no cargo a pesar de superar o tempo de mandato. O presidente do comité, Miguel Graña da CIG, rexeitaba as críticas alegando que era unha decisión adoptada polo seu o seu propio sindicato co apoio de CC.OO. e de UGT.

Agora, tras constituírse a mesa electoral co máis novo e o maior do conxunto de traballadores, establécese o censo electoral e, tras un período para poder realizar reclamacións, presentaranse as candidaturas que concorran neste proceso electoral.