Convocan concentracións ante as Comisarías de Marín e Vilagarcía para esixir máis policías e melloras

Marín
11 de marzo 2016

Convoca a Unión Federal de Policía ante o que considera un "atropelo" e unha "tomadura de pelo" de previsión de 1 Subinspector e un Policía para Marín e "absolutamente ninguén" para Vilagarcía

Patrulla da Policía Nacional no rural
Patrulla da Policía Nacional no rural / Mónica Patxot

Os días 14 e 15 de marzo a Unión Federal de Policía (UFP) convocou concentracións nas localidades de Marín e Vilagarcía para esixir algo que levan moito tempo demandando máis axentes e medios para os persoais policiais da Provincia de Pontevedra.

Co comezo da crise reducíronse as convocatorias de prazas para policías e "lenta pero inexorablemente" os persoais da nosa provincia foron minguando, "posto que a media de idade era alta e moitos compañeiros fóronse xubilando", a esta circunstancia a UFP suma o "total pasotismo" por parte da administración por ir paliando este déficit.

Neste contexto, segundo este sindicato, chégase á situación actual nas comisarías de Marín e Vilagarcía "nas que cada vez hai mais días nos que nin sequera un vehículo policial este dispoñible para realizar funcións de seguridade cidadá".

"Esta situación pon en risco innecesario o labor dos Policías e a seguridade dos cidadáns"

"Esta situación é inconcibible e inadmisible e pon en risco innecesario o labor dos Policías e a seguridade dos cidadáns", denuncian os responsables da UFP nun comunicado.

A isto súmanlle a falta de chalecos antibalas, luvas anticorte, as dificultades para reposición de material do uniforme "que converten a situación en rocambolesca".

A Unión Federal de Policía lamenta que os axentes cada vez teñen que realizar "máis traballo con menos efectivos e medios". Por iso demandan nos seus salarios o complemento de territorialidade do que xa gozan outras zonas de España, como Cataluña, Madrid, Málaga ou Sevilla, "que cremos que debemos cobrar posto que o risco é o mesmo e por falta de medios e efectivos o traballo en moitas ocasións dóbrase".

Por este motivo o luns 14 en Marín ás 11 horas e o martes 15 en Vilagarcía tamén ás 11 horas concentraranse para esixir que as cousas cambien.