Convocan folga indefinida na limpeza viaria de Poio a partir do luns 22 de xullo

Poio
10 de xullo 2024

O persoal da empresa adxudicataria do servizo de limpeza, Valoriza Medioambiental, adoptou esta decisión ante a falta de acordo na negociación do convenio colectivo, que está sen revisar desde 2019. Os traballadores denuncian que están a sufrir unha perda económica de máis dun 17%

Camión de recollida de lixo en Poio
Camión de recollida de lixo en Poio / PontevedraViva

O luns 22 de xullo é a data escollida polo persoal da empresa Valoriza Ambiental, concesionaria do servizo da limpeza viaria, para iniciar unha folga indefinida no municipio de Poio.

A decisión, adoptada en asemblea, é consecuencia da falta de acordo na negociación do convenio colectivo, que permanece sen revisar desde o ano 2019, segundo manifesta Carlos Corredoira, responsable de Servizos á Comunidade UXT-SP.

Neste 2024 celebráronse dúas reunións entre os representantes dos traballadores e a empresa sen que se alcanzasen acordos.

O representante sindical indica que os salarios seguen desactualizados cunha diminución económica de máis dun 17%.

"Esta situación é insostible, todos nós tamén sufrimos o incremento de prezos destes últimos anos, o que leva a ter uns salarios non renovados e desacordes cos custos de vida", indica Corredoira.

Sinalan desde o comité de empresa que, fronte a esta paralización que se produce en Poio, a maioría de convenios de limpeza están a ser actualizados, sobre todo os de Valoriza.

Entenden que a situación en Poio supón un "agravio" e desde a representación sindical indican que ata esa data tentarán retomar as negociacións para lograr un acordo e evitar un prexuízo á cidadanía.