Convocan máis de tres mil persoas de Pontevedra, Caldas, Poio e Marín a novos cribados

Pontevedra
08 de xullo 2021

Un total de 3.330 persoas de 18 a 35 anos están convocadas para participar nos novos cribados que convocou o Servizo Galego de Saúde para detectar portadores asintomáticos da covid-19 entre os mozos e mozas de Pontevedra, Caldas, Poio e Marín

Cribado no Hospital Provincial a alumnado de institutos de Pontevedra
Cribado no Hospital Provincial a alumnado de institutos de Pontevedra / Mónica Patxot

Un total de 3.330 persoas de 18 a 35 anos están convocadas para participar nos novos cribados que convocou o Servizo Galego de Saúde para detectar portadores asintomáticos da covid-19 entre os mozos e mozas de Pontevedra, Caldas, Poio e Marín.

As probas, que serán con PCR e con test de antíxenos, vanse a realizar entre mañá venres 9 de xullo e o luns 12 de xullo, segundo anunciaron as autoridades sanitarias.

Os cribados poboacioais comezarán mañá na escola obradoiro de Caldas, onde están citadas 1.530 persoas.

O resto, 1.800 persoas, son de Pontevedra, Poio e Marín. Terán que acudir, o sábado, o domingo e luns, ata o punto PCR situado no aparcamento lateral do Hospital Provincial.

O procesado das probas PCR recollidas efectuarase no laboratorio de Microbioloxía do Hospital Provincial de Pontevedra e tanto eses resultados coma os dos test de antíxenos enviaranse á poboación mediante mensaxe SMS.

Nos casos positivos, o Servizo Galego de Saúde contactará coas persoas para informarlles sobre as medidas preventivas a adoptar.