Sábado 29 de novembro. É a data elixida en Caldas de Reis para protestar na rúa polo proxecto da variante oeste.
As plataformas que se opoñen a este proxecto tal e como está plantexado na actualidade, no que se inclúe a construción dun acceso ao Porto de Vilagarcía, convocan unha mobilización.
Terá a súa saída ás 12.00 horas desde a chaira do Hotel Sena e percorrerá as rúas Juan Fuentes Echeverría e Pedro Mateo Sagasta até terminar na Praza das Palmeiras.
Impulsan esta manifestación as plataformas veciñais das parroquias de Bemil, Arcos, Santa María, Godos e Saiar, coa colaboración do Concello de Caldas de Reis.
"Imos deixar moi claro que esta actuación conta co total rexeitamento e oposición do noso pobo", afirma José Panadero, portavoz das asociacións convocantes.
Defenden que a proposta formulada polo Ministerio de Transportes e Mobilidade produciría un impacto moi negativo no municipio tal e como está exposta.
Por iso, aseguran que "estamos dispostos a chegar a onde sexa necesario para conseguir que a variante oeste só se faga realidade sen que resulte nociva para o concello e sen que poña en xogo o futuro de vivendas, negocios e da nosa xente", sinalou Panadeiro.
"Queremos que a nosa mensaxe contra este proxecto lle chegue aos políticos que teñen que tomar a decisión final", explicou na presentación da mobilización celebrada no Salón de Plenos do Concello.
Os convocantes lembraron que recentemente entregaron na Subdelegación do Goberno en Pontevedra preto de 4.700 alegacións contra o estudo, contando co respaldo de todas as forzas políticas da corporación municipal.
Para facilitar a participación na marcha de protesta porase a disposición da cidadanía un servizo de autobuses gratuítos que pasará por todas as parroquias de Caldas.