Convocan os estudantes a unha folga contra a Lei Wert o 20-F

Pontevedra
10 de febreiro 2014

As organizacións estudantís nacionalistas, Liga Estudantil Galega, Agir e Comités, organizaron para esa xornada unha manifestación ás 12.00 horas que percorrerá o centro de Pontevedra

Os estudantes de ensinanzas medias e universitarias están chamados a participar na xornada de folga contra a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) organizada para o 20 de febreiro polas organizacións estudantís nacionalistas galegas, Agir, Comités e Liga Estudantil Galega.

A protesta contra a tamén coñecida como Lei Wert débese, segundo explicaron representantes destes colectivos, aos recortes nas axudas e na investigación, ademais do aumento das taxas. Tamén rexeitan o apoio do Goberno á educación privada e á segregación por sexo, tal e como recollen nun manifesto asinado polas tres agrupacións estudantís onde expoñen que a Lei "reforza un programa ideolóxico sustentado na submisión da muller ao home ao dar maior importancia á relixión católica na educación".

O paro convocado para estudantes, aínda que tamén está invitado o profesorado e as Asociacións de Pais e Nais de alumnos, desenvolverase o 20-F cunha manifestación en Pontevedra que percorrerá o centro da cidade a partir das 12.00 horas. Partirá da Praza da Peregrina e rematará no mesmo punto despois de dirixirse ata a Praza de España e discorrer por outras zonas céntricas como García Camba, Joaquín Costa, Cobián Areal ou Benito Corbal.

Ao longo desta semana, os convocantes realizarán asembleas abertas en diferentes centros de ensino e no campus da cidade.

Segundo os convocantes, nesta nova convocatoria intentarán obter un seguimento similar ao que lograron durante a folga do 24 de outubro de 2013 na que, segundo expuxeron, conseguiron "un apoio masivo baleirando as aulas do país".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora