Convocan unha cadea humana entre o Hospital Provincial e o Concello para trasladar aos grupos políticos as necesidades sanitarias

Pontevedra
07 de xullo 2020

Os sindicatos CESM, CO- BAS e PROSAGAP consideran que para exercer un voto libre e responsable o vindeiro domingo 12 de xullo os cidadáns deben contar con toda a información veraz do que sucede na área sanitaria que lles afecta 

Concentración nas portas do Hospital Provincial ante o temor de desmantelamento de servizos
Concentración nas portas do Hospital Provincial ante o temor de desmantelamento de servizos / Mónica Patxot

Os sindicatos  CESM Galicia,  CO- BAS e  PROSAGAP promoverán este mércores 8 de xullo, ás oito da tarde, unha cadea humana entre o Hospital Provincial e a Casa do concello da Praza de España para facer chegar aos portavoces dos distintos grupos políticos da Corporación municipal "as verdadeiras necesidades dos sanitarios e as enormes carencias do sistema público de saúde".

A convocatoria vai dirixida a todos a traballadores da área sanitaria de Pontevedra e á cidadanía en xeral e busca reunir participantes suficientes para "tender unha ponte" entre o Hospital Provincial e o  Concello de Pontevedra. 

Durante a cadea, manteranse as medidas de seguridade de obrigado cumprimento, tales como separación entre persoas de 2 metros e uso de máscaras obrigatorias. Ademais, non se usarán siglas de ningún tipo.

Simbolicamente, queren mostrar a unión de todos os traballadores sanitarios e solicitan a mediación dos grupos municipais para que dean resposta ás súas demandas e informen á cidadanía da situación real da Sanidade Pública.

CESM, CO- BAS e  PROSAGAP consideran que para exercer un voto libre e responsable o vindeiro domingo 12 de xullo os cidadáns deben contar con toda a información veraz do que sucede na área sanitaria que lles afecta, e máis cando consideran que desde a Xerencia practicouse unha "perversa manipulación da información" durante a crise da pandemia.

Os sindicatos denuncian un "reiterado desprezo" da Dirección cara aos traballadores sanitarios de Pontevedra e anuncian que dirixirán unha carta aos distintos portavoces municipais nas que lles expoñen as necesidades reais para recuperar un sistema público de saúde de calidade, "afastado dos recortes e das privatizacións, que desde a chegada de Alberto Núñez Feijoo á Xunta en 2009 non fixeron máis que incrementarse".