Convocan unha folga xeral en Galicia para apoiar o pobo palestino

Pontevedra
19 de setembro 2024

CGT Galiza, Solidariedade Obreira Galiza, CNT Galiza, a Asemblea Internacionalista de Compostela e a Rede Galega pola Palestina organizan este paro previsto para o venres 27 de setembro. En Pontevedra está prevista unha manifestación que partirá ás 20.00 horas do Hospital Provincial en Loureiro Crespo

Manifestación 'Solidariedade con Palestina. Paremos o xenocidio'
Manifestación 'Solidariedade con Palestina. Paremos o xenocidio' / Mónica Patxot

CGT Galiza, Solidariedade Obreira Galiza, CNT Galiza, a Asemblea Internacionalista de Compostela e a Rede Galega pola Palestina fan un chamamento á cidadanía galega para que o vindeiro venres 27 de setembro se sumen á convocatoria de folga xeral en apoio á loita do pobo palestino.

Con este paro queren denunciar a ocupación, o apartheid e o xenocidio sionista.

Reivindican a ruptura das relacións diplomáticas co Estado de Israel e a suspensión dos acordos comerciais e académicos co goberno de Netanyahu.

Ademais, promoven unha campaña para realizar un boicot, sancionar e evitar investimentos internacionais como ferramentas de presión para que rematen os ataques contra Palestina.

En Pontevedra, está previsto que ese venres 27 de setembro se desenvolva unha manifestación ás 20:00 horas que partirá do Hospital Provincial na praza de Loureiro Crespo.

Tamén se pon en marcha a Rede Galega pola Palestina, un espazo asembleario en construción, aberto a todos os colectivos e persoas individuais que se queiran sumar.

A primeira reunión desta iniciativa será este sábado 21 de setembro en Ourense, organizada pola Asociación Andén Primeiro con diversas actividades.