Os veciños afectados pola reforma do vial de acceso ao peirao de Raxó poderán transmitir as súas queixas e suxerencias este luns 23 de outubro nunha reunión informativa que se celebrará no Centro Cultural Xaime Illa ás 10:00 horas.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, indicou que o obxectivo deste encontro é explicar á veciñanza o proxecto que van realizar, pero especialmente dar a coñecer o plan de obras elaborado para evitar que se repitan os problemas que xeraron as obras de Ramón Encinas. Ademais, asegura que aínda que a rúa vai estar cortada, neste tramo hai tres viais que permitirán comunicar a zona e derivar o tráfico sen ningún tipo de problema.
Moldes defende a importancia deste tipo de reunións polas molestias que poden causar aos veciños e que sexan "as mínimas posibles e ofrecer toda a información e ter un plan de coordinación que funcione".
A actuación a vai levar a cabo Portos de Galicia e conta cun orzamento de 750.000 euros que permitirá reordenar o espacio e dar prioridade ao peón entre o peirao e a súa conexión coa PO-308. Aumentará a calidade estética e a seguridade na zona, coa colocación de mobiliario novo, incluído un banco corrido para salvar o desnivel entre o paseo e a praia de Raxó, mellorarán a eficiencia e estética da iluminación e renovarán a rede de abastecemento de pluviais e fecais.
Por último, o alcalde destacou que esta actuación permitirá aumentar a seguridade e a calidade de vida dos veciños de Raxó, unhas melloras que incrementarán de xeito significativo cando a conexión do vial con Sanxenxo polo litoral sexa unha realidade.